Ferrolterra no Camiño Inglés

· O Camiño Inglés

· A Ría de Ferrol

A peregrinación xacobea contou cunha gran sona en toda a Europa medieval. Terras e mares estaban sucados por camiños de espiritualidade que levaban a Compostela. Ferrol e A Coruña, grazas á súa situación estratéxica excepcional, son os puntos de partida das dúas alternativas do Camiño inglés. O tramo Ferrol-Santiago (o que agora nos interesa) conta con 118 km de percorrido.

As peregrinacións desde Escandinavia e as Illas Británicas inícianse no século XII. Partindo de Ferrol, o Camiño inglés empeza nos peiraos de Curuxeiras no porto medieval ferrolán. Deixando atrás o paseo da Mariña, a ruta leva á igrexa San Francisco, situada entre o arrabalde vello e a ordenación neoclásica da Madalena. Pola rúa Real, a rota intérnase no barrio da Madalena. A rúa Real conduce á praza de Amboaxe. Seguindo a mesma rúa aparecen despois a praza de Armas e o pazo consistorial, construído en 1953. Continúase pola púa Real, rúa do Carme, praza do Callao e Cantón de Molíns para chegar á igrexa das Angustias, outro dos templos neoclásicos de Ferrol.

O Camiño inglés segue cara aos arrabaldes de Recemil e Caranza. O polígono industrial da Gándara anuncia a proximidade de Narón. Continúase pola avenida do Mar, paralela á ría, e tómase cara a Neda. A rúa da Pena leva ao mosteiro de San Martiño de Xubia (O Couto) do século XII. A ruta continúa ata entroncar co camiño do Salto, pasa polo muíño de marea das Aceas de Lembeie e cruza a ponte do río Xubia para entrar en Neda. Pasa pola igrexa de Santa María de Neda, do século XVIII, e polo hospital de peregrinos de Sancti Spiritus (séc. XV), que ten os restos pegados á Casa do concello.

Camíñase despois pola rúa Real, coas súas casas con soportais dos séculos XVII e XVIIII e pola rúa do Castro ata a igrexa de San Nicolás (séc. XIV).

Déixase atrás Neda, polo Regueiro, o Puntal de Arriba e Conces, e éntrase en Fene. Saíndo da vila, a rúa enlaza co camiño Real, arrodea o polígono industrial de Vilar do Colo e penetra en Cabanas. Aquí, en pleno esteiro do Eume, o peregrino pode descansar na praia da Madalena, antes de seguir polo paseo marítimo, cruzar a ponte e entrar en Pontedeume, onde destaca a Torre da homenaxe do castelo dos Andrade (séc. XIV), a igrexa de Santiago (séc. XVIII) ou a Casa do concello pegada á Torre de Ulloa (séc. XVII).

Sáese de Pontedeume (se non se segue o desvío de Bréamo, onde está a igrexa de San Miguel do século XII, ata Perbes) por Bruíña e pasa polos lugares de Viadeiro e Bañobre. Despois de cruzar o río Baxoi por unha ponte medieval dun arco único, éntrase en Miño polo camiño Real ata a praza do mercado.

A ruta deixa Miño pola estación de ferrocarril. Cruza a vía e volve á beira do mar, moi presente nos primeiros tramos do Camiño inglés. Chégase así ata a Ponte do Porco, no esteiro do río Lambre, ponte oxival do século XIV construída por orde de Pérez de Andrade. O camiño penetra en zona de monte ata chegar ao pazo de Montecelo e á igrexa de San Pantaleón das Viñas no concello de Paderne. O camiño baixa e empeza de novo un ascenso en dirección a Matacabalos, pasando por Chantada e Guende. Pouco despois, o peregrino chega ao lugar de Souto, onde existe unha igrexa románica reconstruída no século XIX. O camiño transcorre por terrreos chans antes de baixar cara a Betanzos, traxecto que ofrece unha boa panorámica da súa ría e das súas marismas.

Logo de pasar polo santuario de Nosa Señora do Camiño na parroquia de Tiobre, o peregrino entra en Betanzos, antiga capital dunha das sete provincias do antigo Reino de Galicia, polo arco da Ponte Vella, unha das portas da muralla medieval. A rúa dos Prateiros conduce ata a porta da Vila e á populosa praza de García Irmáns. A cidade presenta un dos conxuntos históricos máis relevantes de Galicia. Do seu pasado señorial, da baixa Idade Media, renacentista e barroco, falan rúas e prazas, igrexas, conventos e capelas: a igrexa gótica de San Francisco (s. XIV), onde se atopa o célebre sepulcro de Pérez de Andrade o Bo, a igrexa de Santa María de Azougue (s. XIV), a igrexa de San Domingos, etc. Deixando atrás Betanzos, a ruta discorre pola rúa do Rollo ata a ponte vella das Cascas, sobre o río Mendo. Abandona o núcleo urbano e segue ata os lugares de Couto, Campoeiro e Xan Rozo, para entrar, máis adiante, no concello de Abegondo.

No concello de Abegondo a ruta pasa entre as casas da aldea de Cima de Vila, moi preto da igrexa de Santiago de Meangos, e continúa ata a ponte de Presedo e a súa igrexa. O Camiño inglés segue en dirección a Francos, chega á vella e abandonada ermida de San Paio e continúa ata a igrexa de San Tomé de Vilacoba. Unha vez no concello de Ordes, a ruta penetra nunha zona agrícola ata chegar a Bruma (concello de Mesía) onde existen restos do antigo hospital de pregrinos de orixe medieval, vinculado ao hospital de Santiago. En Bruma o Camiño inglés ferrolterrán conecta co Camiño inglés procedente da Coruña para continuar xa xuntos ata Santiago de Compostela.




Inicio | Programa | Guía Útil | Ferrol Terra | Patrocinadores | + Actividades | Contacto

Organiza Run Rum Axencia
Webmaster Run Rum Axencia 2005