V Festival "A Todo Filispín" 2008 en Ferrol

  Fai clic para ver en detalle

O vindeiro sábado 30 de Agosto celebrarase na nosa sala o V Festival " A TODO FILISPÍN " 2008.

Por razóns totalmente alleas á vontade da produtora RUN-RUM Axencia, propietaria do Festival,esta edición quedou fóra do programa de festas de Ferrol.

Por iso, decidimos realizalo na sala RUN RUM e cos nosos propios medios. Esperamos que para o vindeiro ano poidamos levalo adiante no seu espazo habitual (parque Raíña Sofía) co nivel que se merece, e que xa tiña consolidado, tanto dos artistas como da súa posta en escena.

Só nunha cidade como Ferrol, con vocación mariñeira e industrial, a fala popular puido crear unha expresión como a que lle dá título a este festival. Desde sempre orientada cara o mar, e desde o século XVIII especializada na construcción naval, foi unha das primeiras machinas de vapor instalada nos estaleiros ferroláns, coa súa panca de control na que se podía ler full speed, a que deu lugar á frase coa que coloquialmente os ferroláns se refiren a aqueles acontecementos que suceden a toda velocidade, a fume de carozo.

Resultan ser os ferroláns, xa que logo, os inventores do spanglish, ou mellor, do galenglish, froitos típicos da mestizaxe cultural e idiomática das cidades que, como Ferrol, viron pasar polas súas rúas viaxeiros e visitantes de todos os países, incorporando o seu idioma e a súa tecnoloxía ao patrimonio cultural.

Poderiámonos remontar aos tempos da Idade do Bronce, e ás súas “relacións atlánticas”, para pescudar as orixes históricas dos contactos das xentes da comarca ferrolá coas terras situadas alén do mar, ao norte, na Bretaña e nas Illas Británicas. Así e todo, é na Idade Media cando estas relacións se intensifican e se converten en cotiás, ao ser Ferrol un dos puntos de desembarco dos peregrinos británicos, flamengos e escandinavos que se dirixían a Compostela polo chamado “camiño inglés”.

Era esta vía de peregrinación, a menos coñecida e estudiada de cantas se dirixían a Compostela, a utilizada polos peregrinos das illas que, en barco, aportaban a Ribadeo, Ferrol ou A Coruña, onde desembarcaban para continuaren a pé ata o templo do Apóstolo. No caso ferrolán, os peregrinos pasaban por Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Santuario de Nosa Señora do Camiño (onde a vía enlaza co “camiño do norte” que vén de Oviedo), Betanzos e Abegondo, xuntándose en Bruma (Mesía) cos que chegaban desde A Coruña.

Por este ramal do camiño, viaxaron a Santiago uns cruzados daneses que, en 1189, rendéronlle visita ao Apóstolo antes de partiren á conquista de Xerusalén, a raíña Mariana de Neoburgo, en 1690, e outros moitos peregrinos anónimos que descubriran, moito antes ca Nelson, as bondades do porto de Ferrol, que ofrecía mellores garantías de seguridade e abeiro ca outros destinos.

Foron estas mesmas virtudes as que determinaron a dedicación ferrolá á industria naval, actividade determinante da economía da cidade desde que os Borbóns –primeiro Filipe V e logo Carlos III– decidiran instalar na súa ría os estaleiros nos que se construirían e repararían os barcos da armada española.

De novo a presenza de estranxeiros vivifica a cidade, axiña convertida na máis populosa de Galicia. Enxeñeiros, mestres e especialistas estranxeiros –ingleses sobre todo– contribuíron a crear a industria naval ferrolá e a converter Ferrol nunha encrucillada de culturas. O camiño foi o comezo e marcou a orientación cara o mar e cara o norte. A súa decadencia supuxo unha primeira crise, superada coa instalación dos arsenais no século XVIII. Desde entón, a dedicación á industria naval determinou a sorte da cidade: prosperidade nalgúns períodos de forte demanda e lenta decadencia naquelas épocas nas que, como a actual, a construción naval atravesa unha crise.

Iniciativas como A Todo Filispín quizais non sexan quen de inverter estes ciclos, pero recuperar o camiño inglés e as relacións atlánticas terá, sen dúbida, un efecto beneficioso no cultural e no económico e contribuirá a que Ferrol volva funcionar A todo filispín!




Inicio | Programa | Guía Útil | Ferrol Terra | Patrocinadores | + Actividades | Contacto

Organiza Run Rum Axencia
Webmaster Run Rum Axencia 2005